Limpeza viaria
O servizo de limpeza viaria na cidade de Lugo consiste basicamente en retirar o lixo e eliminar a sucidade das rúas, beirarrúas, prazas, calzadas, do mobiliario urbano, xunto co baleirado das papeleiras que existen na cidade.
Para levar a cabo estas tarefas facémolo mediante operacións de barrido e de baldeo. Nas operacións de barrido distinguimos entre o barrido manual, o barrido mecánico e o barrido mixto ou combinado. Nas operacións de baldeo distinguimos entre baldeo mecánico, baldeo mixto e baldeo manual.
O barrido manual lévao a cabo persoal (peón/a de limpeza viaria) equipado normalmente, cun carro de limpeza viaria ou un triciclo eléctrico xunto coas ferramentas auxiliares coas que facer as tarefas de limpeza, escobas, escobóns, pas, recolledores, sopradores e outros. As principais tarefas que fai o persoal de barrido manual son recollida do lixo que hai polo chan, baleirado de papeleiras, retirada de carteis, recollida de excrementos animais e outras complementarias do servizo como introducir lixo que exista fora dos contedores, avisar de incidencias dos servizos, etc.
O barrido mecánico lévao a cabo persoal especializado (maquinista ou condutor) que conduce unha varredora eléctrica para o caso do barrido mecánico de beirarrúas e prazas. Estas varredoras son medioambientalmente sostibles tanto dende o punto de vista de ruído emitido como de gases contaminantes lanzados á atmosfera, por ser practicamente nulos. Para o barrido mecánico de calzadas empregamos varredoras propulsadas con Gas Natural Comprimido (GNC), manexadas, tamén por persoal especializado (condutores/as). Estas máquinas tamén son medioambientalmente sostibles por empregar unha fonte de enerxía renovable.
O barrido mixto ou combinado é unha operación na que participa persoal de barrido manual coas súas ferramentas e persoal de barrido mecánico coas súas máquinas, de tal xeito que uns complementan aos outros. Este sistema de barrido empregase cando existen grandes cantidades de residuos coma folla, papeis ou outros, xa que deste xeito se proporciona unha maior calidade de limpeza e un menor tempo de traballo.
O baldeo mecánico é unha operación que se pode levar a cabo en prazas, rúas, beirarrúas e calzadas. Para estas tarefas empréganse camións cisterna e máquinas lavaceras, se ben estas últimas empréganse basicamente nas beirarrúas e zonas de paso estreito. Estas máquinas lavaceras son eléctricas 100% o que as fai sostibles dende o punto de vista medioambiental. Os camións cisternas empréganse en espazos máis grandes e abertos como grandes prazas e calzadas de estradas e avenidas. Estes vehículos son propulsados a GNC conseguindo, ao igual que as máquinas anteriores un elevado grado de sostibilidade. Os dous tipos de máquinas son manexados por persoal especializado, maquinistas e/ou condutores.
O baldeo mixto consiste en empregar algún dos equipos anteriores aos que lles acompaña persoal que, empregando os equipos auxiliares que levan, pértegas ou lanzas de auga, fan a dobre función de baldear coa máquina e facer baldeo manual.
O baldeo manual consiste en baldear con mangueiras conectadas á rede de auga o pavimento. Poden ir unha ou dúas persoas, si ben, é practicamente nulo e só se emprega en zonas moi puntuais e de acceso imposible para as maquinas de baldeo.
Outras tarefas que se levan a cabo dentro do servicio de limpeza viaria do concello de Lugo son as que se describen a continuación.
Fanse tarefas de desbroce que ben pode ser manual ou mecánico.
O desbroce mecánico lévase a cabo cun tractor con brazo desbrozador manexado por persoal especialista (maquinista ouro condutor).
O desbroce manual realízao persoal con formación específica no manexo de desbrozadoras. Para a realización das súas tarefas contan con equipos auxiliares como sopradoras, pas, escobóns e outros. Dentro dos seus cometidos tamén fan tarefas de apoio ao desbroce mecánica naqueles puntos nos que é imposible empregar os tractores. Todos a ferramentas empregadas son eléctricas.
O servizo conta con dúas brigadas polivalentes, unha para a zona rural e outra para a zona urbana. Están formadas cada unha por dos operarios formados no desenvolvemento de múltiples tarefas e con coñecemento exhaustivo de termo municipal de Lugo. Levan a cabo tarefas de reforzo do servizo de limpeza viaria e outras específicas como son a limpeza do entorno dos contedores, limpeza e mantemento de papeleiras, desbroces puntuais, limpezas intensivas, limpeza de eventos e resolución de incidencias, entre outras. Para iso contan con vehículos e maquinaria de apoios como son vehículos lixeiros eléctricos, camións brigada, desbrozadoras manuais, sopradoras, etc.